top of page

PRIMEIRA VISITA

  • 10 oct 2016
  • 3 min de lectura

Ingreso Neveira1

Camiño de acceso ás neveiras

VERÁN DE 2015 | Estado de conservación (Unha entrada un pouco técnica ...para abrir boca)


As Neveiras de Fixó atópanse nun avanzado estado de ruína, onde o abandono e o paso do tempo supuxeron para estas edificacións a súa decadencia.


O estado de conservación é similar en ambas neveiras, conservándose só os vasos, tendo desaparecido por completo os corpos superiores, así coma as cubertas. Estes vasos atópanse recheos de detritos e, presumiblemente, dos restos da estrutura superior das neveiras, ocultos pola consecuente vexetación espontánea, que ademais supón un continuo deterioro para as mesmas.


As condicións de intemperie son a causa de múltiples fenómenos de degradación relacionados coa meteorización da pedra, a acumulación de contaminantes coma po, partículas, esporas de microorganismos, sementes de vexetais ou acción directa de outros organismos vivos coma insectos, arácnidos, aves, etc.


Os muros dos vasos, constituídos por mampostería de xisto, presentan un estado de conservación bastante regular, non apreciándose grandes perdas de materiais nas partes visibles dos mesmos, aínda que si fallas puntuais. A maior degradación atópase nas xuntas de barro, invadidas tamén por unha extensa colonización vexetal, onde as raíces de silveiras, uceiras e outras plantas superiores aséntanse atopando, nesta xunta, un substrato idóneo de aporte de nutrientes, penetrando nelas e provocando grandes deterioracións e incluso a perda total de materia nalgunhas zonas.


Neveira1

Vista da neveira 1

Vaso da Neveira 1

Neveira2

Vista da Neveira 2

Vaso da Neveira 2

Os fortes ciclos de xeo-desxeo aos que foron sometidos os xistos da mampostería durante os séculos de actividade das neveiras puido ter afectado gravemente ao seu estado de conservación, así como tamén os ciclos de xeo-desxeo naturais (xelifracción) propiciados pola climatoloxía da zona, provocando dilatacións localizadas e xerando tensións internas, pudendo provocar micro-fisuras. Por outra parte, a auga actúa como transporte de contaminantes e é o medio idóneo para o desenvolvemento da maior parte das reaccións químicas, procesos físico-químicos e desenrolo de seres vivos.


Muro de peche da parcela

Vista dende o interior da Neveira 2. Xuntas de barro invadidas por colonización biolóxica (06/07/2015)

Os muros presentan unha degradación xeneralizada en todos os materiais constituíntes (rocha e xunta de barro).


Non sabemos con certeza se existiu algún tipo de revocadura que protexese os muros do contacto directo coa neve contida no interior das neveiras, pero o estudo da xénese das neveiras a nivel peninsular parece indicar que a existencia desta revocadura fose un feito indiscutible. Na maioría dos casos esta revocadura estaría feita con morteiro de cal, aínda que tamén se atoparon casos nos que esta protección estaba composta por morteiro de barro.


Neste caso non se conservan, a simple vista, restos de revocadura, pero pola propia morfoloxía do muro podemos deducir certos indicios da súa existencia.


Por una lado, a xunta recrecida por enriba dos mampostos, e por outro, as numerosas “cuñas” que aparecen tapando ocos entre os mampostos. No primeiro caso, o feito de que a xunta estea aínda en moitos casos por enriba do nivel dos mampostos, indica que existiu unha revocadura do mesmo material, que continuaba por todo o muro de forma uniforme. As pequenas cuñas adóitanse empregar para tapar a maior cantidade de ocos posible, evitando así a entrada de calquera impureza a través da filtración da auga. Isto adoita acontecer como paso previo á colocación dunha revocadura de protección, xa que canto máis pequenos sexan os ocos entre os mampostos, máis fina poderá ser a capa de revocadura, evitando que sexa demasiado grosa e que cuartee, ao mesmo tempo que se aforra material na revocadura. Ademais, o acabado dos muros é moi regular, polo que se observa buscaban un acabado moi uniforme. Por outra banda, parece tamén lóxico que quixeran illar o máximo posible o xeo no interior de calquera tipo de contaminación externa, polo que unha revocadura interna actuaría de forma idónea neste caso. Non sería incluso disparatado pensar que esta revocadura levase unha adición de graxa, o que conseguiría unha revocadura impermeable.


Haberá que esperar, en todo caso, aos resultados que arroxe a escavación arqueolóxica.


Degradación das xuntas de barro e dos xistos (meteorizados e exfoliados)




 
 
 

Comentarios


bottom of page