top of page

SITUACIÓN

MARCO XEOGRÁFICO / A SERRA DO CANDÁN

As neveiras de Fixó-Portela atópanse situadas no marco incomparable da Serra do Candán, a unha altitude de 810 m.

A área da Serra do Candán é considerada LIC no marco Rede Natura 2000 pola súa potencial contribución a restaurar o hábitat natural, incluíndo os ecosistemas e a biodiversidade de fauna e flora silvestres.

 

Características xeolóxicas e climatolóxicas da Serra do Candán

A Serra do Candán pertence a unha franxa montañosa formada por xistos micáceos, xistos cuarcíticos, paragneises xistosos, anfibolitas, ortogneises e cuarcitas, intercalados con zonas de abundantes inxeccións de rocas graníticas. Xeomorfolóxicamente caracterízase pola presenza de bloques erguidos e afundidos (horst e graben) e por cumios aplanados e afloramentos rochosos neste sector.

A súa superficie superior caracterízase por unha serie de cumios aplanados, nos que diferenciamos os restos dunha antiga superficie de erosión que se desenvolve en dous chanzos, un entre os 900–1000 m. e o segundo entre os 500–600 m. e que rodea ao anterior.

A Serra do Candán ocupa unha extensa superficie de 10.683,18 ha. na denominada Dorsal Galega, sendo limítrofe cos concellos de Forcarei, Lalín, Silleda, Beariz e O Irixo. Esta dorsal preséntase paralela á costa, o que favorece o efecto Föhn, facendo que as frontes húmidas procedentes do Atlántico ascendan ao chegar á vertente occidental da Serra do Candán, arrefriando ao ter que elevarse. Como consecuencia prodúcese unha condensación da auga, que descarga como choiva antes de chegar ao cumio, mentres a vertente do sotavento recibe o aire fresco que vai quecendo ao perder altura.

A altitude media é duns 708 m, sendo a altitude máxima de 1.071 m. na Cima de San Bieito.

Nas vertentes orientais da serra, máis abruptas, nace o río Deza, que forma un encaixado val en “V” debido ás fortes pendentes polas que descende. Nas vertentes occidentais, moito máis suaves e abertas ao Atlántico, nacen tamén os ríos Lérez e Umia, que deixan ao seu paso vales máis abertos.

A precipitación media anual é superior aos 1900 mm, a máxima pluviosidade de Galicia, e a temperatura media anual varía entre os 11 e os 12ºC, superando os días de xeada en máis de 115.

Este espazo natural está encadrado na Rexión Eurosiberiana, subprovincia Cantabro-Atlántica, sector Galaico-Portugués, subsector Rías Baixas / Ulloa Deza (Rodríguez Guitián; Ramil Rego, 2008).

A presenza de fortes pendentes xunto cunhas condicións climáticas relativamente duras, fan que os solos que aparecen na Serra do Candán estean pouco desenvolvidos, facendo que atopemos principalmente Leptosoles e Regosoles.

A Serra do Candán presenta un bioclima de carácter hiperoceánico, cunhas temperaturas medias mensuais que sofren variacións pouco marcadas ao longo do ano.

Os pisos bioclimáticos mesotemperados e supratemperados en conxunción cos dominios de ombrotipos hiperhúmidos e ultrahúmidos dan como resultado unha pequena variedade de ambientes climáticos dentro da propia serra, e inflúen de maneira decisiva nos tipos de vexetación existente e na súa distribución ao longo e ancho da mesma.

Situación das Neveiras de Fixó na ortofoto 1956-57
(Cartografía cedida por © Instituto de Estudos do Territorio. Xunta de Galicia)

Serra do Candán
Fonte: Turismo de Galicia (www.turismo.gal)

bottom of page