O Comercio da Neve
A pesares da gran decadencia económica do século XVII, colle pulo nesta época un rechamante tráfico de xeo e neve en toda a Península Ibérica. Estes produtos secundarios abastecían principalmente aos núcleos urbanos, aínda que o seu consumo tamén se estendeu a vilas e outros lugares. O comercio de xeo e neve destinábase principalmente a tres usos; en primeiro termo, á conservación de alimentos; en segundo, ao arrefriamento de comidas e bebidas e a elaboración de xeados e sorbetes; e finalmente se lle reserva un uso terapéutico na medicina.
Na Península Ibérica, así coma noutras rexións de Europa Occidental, o aproveitamento e emprego da neve e do xeo xa fora explotado polos romanos no seu momento, aínda que o seu uso foi caendo en decadencia a partir do Baixo Imperio, ata a desaparición total da actividade na Europa cristiá durante a Idade Media. Pola contra, o seu uso entre os árabes persistiu. É así que esta segunda etapa do emprego do xeo e neve en Occidente é considerada por algúns autores coma unha innovación importada desde Oriente Próximo. Os centros urbanos da Mesopotamia Islámica eran grandes consumidores de bebidas frías, e esta moda foise estendendo lentamente por todos os pobos do Mediterráneo.
En España, as primeiras referencias documentais sobre a construción de neveiras remóntanse á época Baixo-medieval. Esta é a cronoloxía que se supón tamén para as primitivas neveiras galegas, que foron presumiblemente edificadas por iniciativa de diversos mosteiros do Císter durante os séculos XII e XIII, aínda que o seu máximo apoxeo en canto á produción e comercialización da neve e do xeo prodúcese a finais do século XVI e comezos do XVII. O seu consumo foise incrementando ao longo deste século ata xeneralizarse por completo no século XVIII.
Esta volta á produción de neve e xeo, coincide con cambios climáticos desenvolvidos no hemisferio norte no período comprendido entre os séculos XIV e XIX, coñecidos como “Pequena Idade Glacial”. Este cambio, que puxo fin ao Óptimo Medieval, caracterizouse por un empeoramento relativo das condicións climáticas, o que supuxo un descenso das temperaturas e un incremento das precipitacións, pero así mesmo unha gran variabilidade, irregularidade e extremismo, que se sucederon ao longo destes séculos. Esta “miniglaciación” non tivo un desenvolvemento lineal, senón que alternou unhas fases concretas de empeoramento máis acusado, con outros tempos máis benignos.
A Pequena Idade Glacial non é coincidente cronoloxicamente en todo o hemisferio norte. Así pois, en Galicia, a fase de auténtico empeoramento prodúcese a partires de 1565, traendo consigo unha xeneralización e intensificación das chuvias e neves, así como tamén unha maior frecuencia de temporais. No século XVII agrávase este deterioro climático, debido á excesiva frecuencia das chuvias estivais e polos agudos contrastes entre episodios de extremados fríos invernais e veráns moi calorosos. Con estas condicións de arrefriamento xeneralizado, onde as nevadas eran frecuentes nas serras galegas, a produción de neve e xeo viuse favorecida de forma natural.
En Galicia, o comezo da produción e comercialización de xeo e neve está intimamente ligada ao Císter, pois gran parte das neveiras que coñecemos na nosa paisaxe pertenceron aos mosteiros desta orde, os grandes impulsores deste tipo de instalacións.
Destacan as do Mosteiro de Aciveiro, Oseira ou Sobrado dos Monxes. Tamén as tiñan outras institucións eclesiásticas, como o Cabildo de Santiago, o mosteiro de San Martiño Pinario, o Colexio dos Xesuítas de Pontevedra e algún fidalgo (este último caso era excepcional). En todo caso, en Galicia foron relativamente escasas, contando a mediados do século XVIII con dez neveiras en todo o reino, segundo figura nos Mapas Xerais do Catastro. Unha cifra indubidablemente exigua que fai pensar nunha posible ocultación para evitar pagos ao fisco, ou tamén no feito de que, ao seren a maioría de propiedade monástica, non se censaran aquelas destinadas a consumo propio.

Vista aérea do Mosteiro de Aciveiro
Fonte: pousadasdecompostela.com


Vista da cabeceira do Mosteiro de Aciveiro
Fonte: turgalicia.es
Feira ao pé do Mosteiro de Aciveiro. 1919
Fonte: forcarei.net
Podemos definir as neveiras artificiais como construcións escavadas no terreo onde se fabricaba o xeo a partires da neve caída de forma natural. Localízanse en puntos montañosos de altitude superior aos 800 m. e, aínda que adoitan situarse preto dos “ventisqueiros” ou neveiras naturais, deben estar sobre todo en zonas protexidas do vento, sendo menos importante a súa proximidade a estas zonas de acumulación de neve.
As que si adoitan estar a carón dos “ventisqueiros” son as pozas de neve, que permitían unha almacenaxe rápido da neve antes de ser trasladada ás neveiras para a súa transformación definitiva en xeo.
Aínda hoxe, a maioría das neveiras que se conservan emprázanse nas faldras setentrionais dos montes, as máis sombrías e onde menos se fai sentir a acción do sol. O máis importante era retardar a desconxelación do xeo o máximo tempo posible, para garantir así un abastecemento continuado durante a época estival.
Para isto, estas edificacións debían manter unhas propiedades isotérmicas que garantisen a duración do xeo durante o verán, polo que debían estar moi ben illadas.
As neveiras que coñecemos en Galicia son maiormente de planta circular, se ben existen exemplares de planta cadrada ou mesmo rectangular.
A forma de construción é moi similar en todo o territorio peninsular. As paredes son de mampostería de boa factura, levando un dobre muro trabado con barro e terra, revocado no seu interior de morteiro e cun corredor con pendente no fondo a modo de desaugue, de forma que o líquido produto da de desconxelación non quedase en contacto co xeo.
Os diámetros dos vasos poden variar entre os 9 e os 14 metros de diámetro aproximadamente, e de fundo, outro tanto. As que coñecemos en Galicia teñen entre 4 e 8 m de diámetro, cunha profundidade escavada no chan duns 6 m, con drenado no fondo para evacuar a auga de fusión.
Sobre o vaso, foxo ou pozo (a parte soterrada), a partir do nivel superficial do terreo erguíase un edificio de pedra. As neveiras do Cabido de Santiago sabemos que remataban cun tellado a dobre vertente, con dobre cuberta de palla e tella para obter un illamento máis eficaz. Noutras comunidades, como en Murcia, este tipo de cuberta foi a empregada primitivamente, substituída posteriormente por unha falsa bóveda de pedra, a cal requiría moita menos labor de mantemento. Esta bóveda de pedra podíase cubrir ben cunha capa de de terra polo exterior, ben cun tellado tradicional a unha ou dúas augas. Desta forma conseguíase unha bóveda illante que impedía que se producisen cambios bruscos de temperatura no interior.


Alzado e planta de dous pozos de neve en Sierra Espuña. Murcia
Fonte: El comercio de la nieve y los pozos de Sierra Espuña (Murcia). Capel Sáez, H.
Debuxo dos traballos realizados nos pozos de neve. Archivo Comarca del Somontano de Barbastro.
Fonte: Pozos de nieve y hielo en el Alto Aragón. Ayuso Vivar, Pedro A.
A entrada adoitaba estar tamén orientada cara o Norte, podéndose acceder ao interior por unhas escadas.
Desta forma podíase limpar, acondicionar e preparar o fundo para recibir a neve no seu interior.
Preto das neveiras adoitan aparecer outro tipo de estruturas, as denominadas pozas ou pozas de neve. Como falamos anteriormente, son construcións auxiliares na almacenaxe rápida da neve para o seu posterior traslado ás neveiras.
Nas neveiras que tiñan poza, e durante as faenas do encerro da neve, producíanse dúas fases de recollida. Na primeira, a neve era recollida rapidamente para evitar que se fundira e se almacenaba na correspondente poza. Logo, xa máis de vagar, facíase o traslado á neveira, onde comezarían propiamente os traballos de illamento, pisado, etc..
Tamén a carón das neveiras podíase atopar un alboio. Esta construción anexa serviría como almacén de apeiros e outro tipo de material de traballo. Tamén podía servir para resgardarse do frío, función moi importante en lugares de condicións climáticas severas. Asemade, nalgúns casos, neste alboio atopábase o encargado de vender o produto, atendendo a aqueles que se acercaban a comprar o xeo in situ.
O encerro da neve requiría duns traballos preliminares arduos e duros, pois tiñan que ser realizados normalmente entre os meses de novembro e xaneiro, cando xa o tempo arrefriaba, e a altitudes superiores a 800 m. sobre o nivel do mar. Estas condicións víanse ademais empeoradas polo vento que sopraba nesas alturas.
Para cando a neve chegara ao alto das montañas, todo debía estar listo para levar a cabo a súa recollida e almacenamento, polo que era preciso preparar o terreo, as pozas, o alboio e as neveiras.
Estes traballos recaían no encargado da neve, que acudía axudado polos seus xornaleiros a realizar todas as tarefas de mantemento necesarias.
Nas zonas de “ventisqueiros”, onde a neve cae de forma natural, retirábase toda a maleza, para poder aproveitar mellor a neve caída, e facilitar tamén o propio traballo da recollida.Tamén na poza habería que eliminar a maleza no interior, xa que levaría abandonada dende o último encerro. Ademais disto, tiñan que acondicionar o seu interior, realizar o mantemento do desaugue e incluso da cuberta, se a tivera.
Na neveira facíase exactamente o mesmo. O acondicionamento tería que ser tanto interior coma exterior. Unha das revisións máis importantes sería a do desaugue, posto que a auga de desconxelación non podía estar nunca en contacto co xeo. De non ser así, cambiaríanse os elementos que fosen necesarios. No exterior limpábase a maleza e realizábanse traballos de mantemento no tellado. Tamén faríanse as oportunas reparacións no alpendre ou alboio.
Unha vez que todo estivera preparado, só había que esperar á chegada das primeiras neves.
Cando esta aparecía, e unha vez se consideraba suficiente, o encargado da neve, xunto cos xornaleiros, acudían a recollela para encerrala nas neveiras.
Neste momento había xa que subir a palla que se empregaría como illante e a leña para aquecerse. Tamén levaban algúns víveres, que no caso das neveiras do Candán, por tratarse os colleiteiros de xente das parroquias próximas, corrían da súa conta, coa excepción do viño e do pan.



Representación das tarefas de empozar nas neveiras en Uncastillo. Zaragoza
Fonte: Pozos de nieve y hielo en el Alto Aragón. Ayuso Vivar, Pedro A.
Traslado da neve. Debuxo de Philippe Hameau
Fonte: Pozos de nieve y hielo en el Alto Aragón. Ayuso Vivar, Pedro A.
A duración do encerro duraba de 4 a 8 días, entre mediados de xaneiro e mediados de febreiro, onde se daban as nevadas máis intensas.
Para a recollida e encerro da neve, aos operarios proporcionábanselle sachos, angarellas e pisóns. Primeiramente, o material era recollido cos sachos, para ser logo cargado nas angarellas, no caso de ser transportado directamente para a neveira. Alí, previamente illados o fondo e as paredes con palla, era depositado no vaso, emparellado e pisado cos “maços” para retardar a fusión (os desaugues, a base de gabias, condutos e “caniços”, tiñan a mesma finalidade).
Conseguíase así un endurecemento progresivo da neve, de maneira que cando se comezaba a consumir (normalmente finais de maio-principios de xuño), xa estaba o xeo formado.
Non en tódalas neveiras se traballaba da mesma maneira, pero o normal era interpoñer unha capa de palla entre capa e capa de neve. Estas capas de neve terían entre 50 ou 60 cm. de grosor, e eran compactadas cos pisóns. As capas de palla intercaladas permitían xerar bloques que se puidesen cortar facilmente cunha laia ao tamaño desexado. Os bloques de xeo xa cortados, adoitaban ser extraidos con poleas. Nalgúns casos concretos, sabemos que as neveiras tiñan xanelas por onde se empozaba e unha porta por onde se extraían estes bloques xa cortados no interior.
Durante o verán, época de maior consumición, íase buscar o xeo pola noite, aproveitando a frescura para evitar que se desconxelase e evitar así perda de volume. Se a distancia era moita as cargas podían diminuír ata un cincuenta por cento. Isto tíñase en conta á hora de facer os bloques de xeo, sendo máis grandes canto máis distancia fosen percorrer. A neve podía ser transportada tanto a lombos de cabalería coma en carros ou carromatos, e para minimizar o risco de fusión debía ser protexida con palla, mantas de la, peles, etc.
O xeo almacenado nas neveiras galegas era principalmente para consumo propio. Sen embargo, nalgúns casos senlleiros, coma o do mosteiro de Aciveiro, comercializábase a neve coas grandes cidades do momento (Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense ou Pontevedra).Tamén parece ser que foi frecuente o intercambio de neve con Castela e a Casa Real. Neste senso, debemos lembrar que Madrid, en calidade de Corte, era a maior consumidora de neve e bebidas frías.
Nun principio, os principais consumidores da neve foron os grupos privilexiados da sociedade, coma eclesiásticos, nobrezas e oligarquías urbanas. En Galicia, no século XVII, este sería tamén o seu principal mercado. De principios e mediados desta centuria temos noticia, por exemplo, da compra de neve ao Mosteiro de Aciveiro para abastecer a casa do Capitán Xeral e a Real Audiencia de Galicia, que con posterioridade construirá a súa propia neveira, ou a nobres significados coma a Condesa de Paredes.
Na mesma época o Cabido de Santiago e o Mosteiro de San Martiño Pinario subministran a distintos mosteiros da cidade e ao Arcebispo. Nunha fase tardía, estes produtos refrixerantes, ao igual que a denominada aloxa, difundíronse e ampliaron a base social de consumo, chegando incluso ás clases populares.
A temporada máis intensa de consumo de xeo e neve adoitaba iniciarse entre finais de maio-principios de xuño ata finais de outubro, se ben algún ano se prolongaba ata mediados de novembro.
O comercio da neve supuña grandes ingresos para os seus comerciantes e chegou a ser un negocio rendible nos seus anos de maior esplendor. Pero esta actividade non estaba exenta de impostos, senón que xa durante o reinado de Felipe II se lle impoñen arbitrios extraordinarios, como foi a imposición de 2 marabedís en cada libra de xeo ou neve que se consumise en Castela e León. Este imposto debía supoñer unha cantidade apreciable para a Coroa. Deste xeito, o prezo da neve e das bebidas frías (auga de limón, orchata, canela, etc...) alcanza a esfera fiscal, véndose controlado e establecido polo intervencionismo municipal.
Debido á grande popularidade que acadou o consumo de bebidas frías, froitas xeadas ou refrescos de neve, o negociante catalán Pablo Xarquíes, decide explotar de forma masiva este produto, facéndose coa produción de toda España. Felipe III concedeulle o monopolio, converténdose así no primeiro gran comerciante de xeos e neves e o primeiro administrador da “Casa Arbitrio de la Nieve y Hielo del Reino”. O monopolio do xeo foille concedido por Real Cédula de data 21-08-1607, e un ano máis tarde concédeselle o monopolio das neves por Real Cédula de 10-04-1608.
De acordo coa Real Cédula de 1607 serán os rexedores municipais os responsables de dar conta do importe do Quinto ao escribán público da “Real Hacienda”. No caso de Santiago non se conservan relacións desta natureza, aínda que sabemos que na década de 1610 Pablo Xarquíes procede ao arrendamento do seu privilexio para distintos reinos e cidades da Coroa de Castela, a cambio dunha cantidade en metálico ou tan só do reintegro do Quinto. Con respecto a este caso di C. Fernández que, sen posibilidade no presente de consulta da escritura concerninte ao reino de Galicia, subscrita en 1619, non debería diferir das acordadas para outras cidades. Nas mesmas outórgaselle poder por Pablo Xarquíes en favor do arrendatario para que “se querelle ante qualesquiera jueces y tribunales eclesiásticos o seglares” contra “cualesquiera personas que tuvieren fechos poços, estanques (...) y rrecoxidos yelos y nieves...”, solicitando que se “ le aplique y den dichos poços”.
Si sabemos que ao Mosteiro de Aciveiro foille reclamada a regularización co “Administrador General de los Reales Derechos de la Niebe y Yelos destos Reinos”, mediante unha carta enviada en 1632 polo Lcdo. D. Francisco de Olivares ao abade de dito mosteiro, que nese momento contaba con dúas neveiras embargadas por non ter satisfeito o Quinto. Don Francisco de Olivares propón que no futuro, e unha vez liquidada a multa de 200 ducados estipulada pola Real Cédula de 21-08-1607, se paguen dez ducados cada ano polas dúas neveiras, sempre que houbera neve e esta puidese ser comercializada.
Esta ven sendo unha das escasas noticias que temos da renda do Quinto en Galicia. Dos outros impostos sobre a neve, os datos coñecidos para Galicia son escasos.
Polo que se refire ás dúas neveiras de Fixó, en Millerada, posuímos poucos datos sobre a súa historia particular, aínda que si resultan relevantes e moi suxestivos.
Do conxunto de neveiras e pozas de neve do Candán, seguramente as primeiras construídas foron as de Masgalán, as máis próximas ao Mosteiro de Acibeiro e que xa se citan nun documento de 1682, conservado no arquivo parroquial (Rodríguez 1973).
A principios do século XVII, tal e como reflicte o Tumbo Grande de Acibeiro, segundo a famosa transcrición de Rodríguez Fraiz, o arquiveiro do Mosteiro queixábase de que se tivese permitido ao Cabido Compostelán, á Real Audiencia de Galicia, con sé na Coruña, e a un particular, facer neveiras nos mesmos montes do Candán. Este proteccionismo do Mosteiro, que deu paso a un longo proceso xudicial, aos que os distintos abades de Acibeiro foron historicamente tan afeccionados, non era cousa menor, xa que o cenobio adscrito á Congregación de Castela obtiña do tráfico de neve importantes ingresos, que loxicamente veríanse sensiblemente diminuídos coa posta en funcionamento de novas instalacións destinadas á abastecer de xeo aos núcleos urbanos.
A espiral xurídica de protección das neveiras do Candán, chega a un novo episodio cando en 1689 Acibeiro establece un novo preito para impedir que o Cabido compostelán constrúa unha nova neveira no lugar de Orxes, topónimo co que era coñecida a paraxe na que se sitúan as neveiras de Millerada. Durante o preito, segundo reflicte o Tumbo Grande, o Cabido probou a propiedade dos terreos, polo que o fallo foi negativo para o Mosteiro e o Cabido rematou a construción (Rodríguez 1973 e Fernández 1996).
Malia que o topónimo teña desaparecido e non se conserve na actualidade, o famoso Catastro da Ensenada, fonte fundamental para coñecer a Historia moderna e unha auténtica foto fixa da Galicia do seu tempo, volve a reflectir a propiedade da igrexa compostelá sobre as neveiras. Así, referíndose á xurisdición de Montes, di textualmente: "Hay cuatro pozos de recoger nieve, Los dos de la feligresía de San Mamed de Millarada son del Deán y Cabildo de la ciudad de Santiago" (Libro de interrogatorios, pregunta no 17; folios 574 - 575).
Xa que logo, e tendo en conta o valor indiscutible do Catastro como fonte historiográfica directa e de primeira orde, xa que foi un documento concibido con carácter xurídico e finalidade censual e impositiva, pensamos que cabe identificar ás dúas neveiras de Fixó coas construídas e xestionadas polo Cabido Compostelán. Respecto á súa data de construción, o profesor da USC Camilo Fernández, no seu excelente traballo (Fernández 1996), proporciona datas absolutas. A partir dunha exhaustiva análise da documentación presente tanto no Arquivo Xeral de Simancas, como no Arquivo Xeral de Galicia e no Catedralicio, sitúa a construción da primeira neveira "a antiga" en 1625. Un ano máis tarde, en 1626, o arcebispo Fernando de Andrade e a Mesa Capitular decidiron acometer a construción da outra. As obras comezaron moito máis tarde, en 1659, intre no que o comentado preito entre o Mosteiro de Acibeiro e a institución capitular paraliza por un tempo o proxecto, ata que o comentado fallo favorable á Sé episcopal permite a finalización da súa construción en 1685.
Para o Cabido, a construción das neveiras supuxo un esforzo considerable, moi importante tendo en conta o estado de falta de liquidez crónica que tiveron todas as institucións do Antigo Réxime.
Seguindo sempre a Fernández Cortizo, a "fábrica da nevera viexa" custoulle ao Cabido a cantidade de 7.908 rs. , por 5.850 rs. a nova.
En realidade, a Sé compostelá non planeou a colleita de neve como un negocio, senón como un autoabastecemento. E nunca foi boiante, sobre todo a partir de 1710, cando os gastos abocaron á explotación a un saldo negativo. Segundo reflicten os datos históricos analizados polo Sr. Fernández, os custes derivados dos salarios do persoal fixo ("nevero" de Montes e "nevero" da cidade) e dos pagos aos colleiteiros encargados da colleita e almacenaxe da neve (que poden alcanzar o fantástico número de 167) chegan a acadar a mediados do século XVII preto do 75 % da inversión que a Mesa Capitular tiña que facer na colleita anual de neve.
Era unha situación que non podía durar moito. A partir de 1763 o Cabido afora as neveiras de Montes a particulares do lugar a abandona a súa explotación directa, incluíndo os traballos periódicos de conservación, documentados entre 1675 e 1751, e que consistiron en "reparos" y "adereços" destinados ao mantemento de estruturas e foxos.
O colapso do Antigo Réxime, o abandono das vereas e camiños reais que atravesaban o Candán en favor das novas vías de comunicación, as desamortizacións e redencións de foros do patrimonio rural eclesiástico, os cambios na estrutura social e económica do mundo agrario e o asentamento dunhas condicións climáticas máis benignas, afastadas dos duros invernos da Pequena Glaciación, xunto a outros factores menos prosaicos, como a diminución da demanda por cambio de modas e hábitos sociais, incidiron directamente no abandono das neveiras de Fixó e o seu paso a mans particulares como parte dun predio rural máis. O final dun fascinante camiño comezado dous séculos antes.